O renovado multiusos da Xunqueira, preparado para o inicio dunha nova tempada deportiva

Pontevedra
29 de setembro 2019

Coincidindo co inicio dunha nova tempada deportiva, o Concello de Pontevedra quixo saldar a súa débeda pendente co pavillón multiusos da Xunqueira. A súa reforma integral, completada na pasada primavera, quedara sen inaugurar. Ata este sábado

Inauguración da reforma do pavillón multiusos da Xunqueira
Inauguración da reforma do pavillón multiusos da Xunqueira / Iago Castillo

Coincidindo co inicio dunha nova tempada deportiva, o Concello de Pontevedra quixo saldar a súa débeda pendente co pavillón multiusos da Xunqueira. A súa reforma integral, completada na pasada primavera, quedara sen inaugurar. Ata este sábado.

Nun acto no que participaron un cento de nenos das escolas deportivas de varios clubs da cidade, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o responsable de Deportes, Tino Fernández, cortaron a cinta simbólica desta renovada infraestrutura deportiva.

Cada fin de semana este pavillón é empregado por uns 1.500 deportistas. Nel adestran e xogan equipos de fútbol, voleibol, balonmán, baloncesto ou fútbol sala.

A reforma do multiusos, que contou cun investimento de case dous millóns de euros, foi financiada polos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) concedidos á Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integral de Pontevedra.

O interior desfíxose case na súa totalidade para dar paso a un polideportivo máis operativo e funcional. Consta de dúas canchas, novas gradas móbiles, maior amplitude de servizos, acceso directo para o alumnado do instituto A Xunqueira II, un ximnasio máis amplo e mellor equipado, ou vestiarios para servizo do propio pavillón e dos campos de fútbol próximos.

En total, hai dezanove vestiarios cunha capacidade media dunhas 20-30 persoas, co que existe unha capacidade de operación cómoda para arredor de 400 deportistas simultaneamente.

O novo edificio refixo integramente a cuberta con illante térmico ata o de agora inexistente e impermeabilizouse dando solución aos problemas de humidade.

Ademais, instalouse nova carpintería metálica e un novo acristalamento específico para acadar ese illamento, renováronse os servizos de electricidade, alumeado ou fontanería, renovouse todo o sistema de calor con novas caldeiras e mellorouse a súa accesibilidade, eliminando barreiras, instalando un novo ascensor e construíndo aseos adaptados para o público.