O restaurante de KFC en Pontevedra abrirá as súas portas este xoves

Pontevedra
22 de xuño 2021

A multinacional KFC contará a partir deste xoves 24 de xuño co seu primeiro restaurante en Pontevedra. Abrirá as súas portas un "KFC Auto", o segundo que haberá en Galicia tras o que existe en Narón. Está situado na Avenida de Lugo, xusto á beira de McDonalds

Restaurante KFC en Pontevedra
Restaurante KFC en Pontevedra / Mónica Patxot

A multinacional KFC contará a partir deste xoves 24 de xuño co seu primeiro restaurante en Pontevedra. Abrirá as súas portas un "KFC Auto", o segundo que haberá en Galicia tras o que existe en Narón. Está situado na Avenida de Lugo, xusto á beira de McDonalds.

Tras dous meses de obras, a compañía Gallaecia de Hostelería e Inversiones 1991, que xestiona as franquías galegas de KFC, abrirá as portas deste establecemento ás 12:30 horas, segundo confirmou o seu responsable, Jesús Ron de las Heras.

O seu horario de atención ao público será ininterrompido ata as 23:30 horas, aínda que venres e sábado "pecharemos algo máis tarde", explica o empresario a PontevedraViva.

O "KFC Auto", que ocupa un edificio de nova construción no número 89 da Avenida de Lugo, permitirá que os clientes poidan acudir co coche e recoller os seus pedidos sen baixar do vehículo nin ter que acceder ao interior do establecemento.

O restaurante xa está terminado para acoller este xoves aos seus primeiros visitantes, que tamén poderán consumir no seu interior. O bo tempo, segundo Ron de las Heras, permitiu que os traballos de urbanización cumprisen os prazos previstos.

Tan só quedan por pintar os carrís do circuíto de entrada e saída dos coches ou as prazas de aparcamento, labores que se demoraron uns días debido ás choivas das últimas xornadas. "Todo estará a punto para a inauguración", garantiu o seu responsable.

O investimento económico neste proxecto superou os 700.000 euros e o restaurante será "similar" aos que xa existen en Galicia pero terá un deseño "máis actual", engade o empresario, adaptando a súa imaxe ás novas tendencias.

O que lles resultou "complicado", recoñece Jesús Ron de las Heras, foi cubrir os trinta postos de traballo que se ofertaban. "Moita xente aínda están en ERTE nas súas empresas e prefiren esperar", subliña. Incorporáronse unha vintena de empregados.

O resto dos postos de traballo que se necesitan no restaurante chegarán temporalmente do persoal que a compañía ten noutros establecementos de Santiago e A Coruña "polo menos para arrancar e despois xa veremos como vai a cousa".

"Estamos abertos a recibir currículos", aseguran desde o restaurante, para completar a decena de empregos que quedaron vacantes na primeira convocatoria.