O restaurante do Museo levará o nome de 'Miliarium'

Pontevedra
20 de xuño 2014

A Deputación aproba o prego de condicións para a súa licitación pública. Os hostaleiros interesados teñen agora 50 días para presentar as súas ofertas. "Búscase que o restaurante sexa acorde coa calidade do Museo", defendeu o presidente provincial, Rafael Louzán

Espacio destinado a cafetaría no Sexto Edificio do Museo PontevedraViva

A Deputación aprobou este venres o prego de condicións para a licitación pública da explotación da cafetaría-restaurante do Museo de Pontevedra, unha instalación que estará situada no edificio Sarmiento e o Sexto Edificio.

Entre as condicións incluídas neste prego encóntrase o nome do local, que se chamará 'Miliarium', "un nome acorde co espazo onde está", declarou o presidente provincial Rafael Louzán.

Preto de 50 restauradores mostráronse interesados nas instalacións e achegáronse a coñecelas durante as xornadas de portas abertas, nas que formularon suxestións e dúbidas como poder ampliar o espazo destinado a almacén ou as medidas de ámbito sanitario necesarias nos espazos con paredes antigas de pedra.

Agora os profesionais interesados terán 50 días para presentar as súas ofertas, cumprindo os prazos previstos que sitúan a apertura do negocio antes de final de ano.

Nas condicións esixidas ao adxudicatario tamén encóntrase a existencia dun canon anual á Deputación do 5% dos ingresos "nunca inferior a 10.000 euros por ano".

A concesión será de cinco anos prorrogables por outros cinco, pero coa esixencia de lograr o distintivo Q de calidade, pois no caso contrario o contrato podería romperse unilateralmente ao terceiro ano.

Esta claúsula débese, segundo Louzán, a que "búscase que o restaurante sexa acorde coa calidade do Museo".