O retorno da sede da RTVG á cidade figura na axenda do alcalde

Pontevedra
31 de agosto 2018

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores enviou este venres unha carta dirixida ao presidente da Xunta de Galicia, na que lle solicita unha próxima reunión

Un equipo da CRTVG facendo un directo
Un equipo da CRTVG facendo un directo / CRTVG

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores enviou este venres unha carta dirixida ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, na que lle solicita unha próxima reunión para facer seguimento dos diversos proxectos que a Administración autonómica ten en marcha na cidade e, especialmente, aqueles de maior complexidade que están en trámite.

Na súa misiva, o alcalde fai alusión ao edificio xudicial, estación de autobuses ou a reforma do edificio de Benito Corbal, todos eles proxectos en marcha, así como outros en trámite como o Hospital Montecelo e a Variante de Alba.

Fernández Lores tamén apunta a posibilidade da colaboración da Xunta co proceso de implantación da compostaxe na cidade ou o retorno da sede da Radio Televisión de Galicia na cidade.