O Concello de Sanxenxo abrirá a partir do 1 de outubro o prazo para a actualización do Rexistro Municipal de Asociacións.
O obxectivo, ademais de dar cumprimento á normativa vixente de administración electrónica, é consolidar e simplificar a comunicación entre o tecido asociativo e a propia administración local, así como contar cunha radiografía real dos colectivos do municipio. O goberno dará conta deste trámite no próximo pleno do día 25 e poñerase en marcha a partir do 1 de outubro.
Este documento actualizado permitirá ao Concello coñecer os seus fins e a súa representatividade, posibilitar o fomento do asociacionismo e mellorar a xestión dos recursos municipais tanto de instalacións como de posibles liñas de axudas, sempre baixo os criterios de obxectividade, imparcialidade e igualdade.
O Concello poñerá, ademais, ao dispor dos colectivos o asesoramento e orientación de técnicos municipais para a resolución de dúbidas relacionadas cos trámites do rexistro. As asociacións que o precisen deberán chamar ao Concello de Sanxenxo (986 720 075) e solicitar cita.
Os colectivos deberán presentar asinados dixitalmente polo representante legal datos como os estatutos da asociación, o número de inscrición no Rexistro Xeral de Asociacións e noutros rexistros públicos, os nomes das persoas que ocupen os cargos directivos, o domicilio Social, o orzamento do ano en curso así como un programa ou memoria de actividades do ano en curso e unha certificación do número de socios.
As asociacións rexistradas estarán obrigadas a actualizar calquera modificación que se produza nos seus datos de rexistro no prazo dun mes.