O ritmo na baixada nos casos activos de covid fréase na área sanitaria, con 20 hospitalizados

Pontevedra
17 de marzo 2021

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés conta este mércores 17 de marzo con 222 casos activos de coronavirus, oito menos que a xornada anterior, segundo reflicte a actualización oficial de datos realizada ás 10.00 horas polo Servizo Galego de Saúde

Probas de detección de covid no Hospital Provincial de Pontevedra
Probas de detección de covid no Hospital Provincial de Pontevedra / Mónica Patxot

Os casos activos de coronavirus seguen baixando na Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, pero fano xa un ritmo moito menor e próximo á estabilización, segundo despréndese da actualización de datos oficiais realizada polo Servizo Galego de Saúde ás 10.00 horas deste mércores 17 de marzo.

Este balance reflicte que as infeccións activas na área pontevedresa son actualmente 222, o que supón oito menos que a xornada anterior.

A cifra de novos contaxios leva dous días próximo á decena. Nesta ocasión detectáronse 11 positivos, sendo inferior ao número de altas epidemiolóxicas  resgistradas, 19.

O descenso déixase notar tamén aos poucos nos hospitais, con 20 pacientes positivos en covid ingresados (dous menos). Deles 13  permanencen en planta repartidos entre o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (9) e o Hospital do Salnés (4), mentres que 7 evolucionan na Unidade de Coidados Intensivos de Montecelo, sen cambios.

Desde o inicio da pandemia superaron o virus 12.192 persoas na área Sanitaria, rexistrándose 161 falecementos de persoas coa infección activa, a última un home de 85 anos no Hospital de Montecelo.

DATOS DE GALICIA

A nivel autonómico o número de casos activos é actualmente de 2.658, o que supón un leve descenso de 27 afectados. 

En Galicia hai 58 pacientes infectados por coronavirus na UCI (sete menos), e 235 atópanse ingresados nunha planta hospitalaria (13 menos). Na comunidade faleceron 2.306 persoas con  covid, ao sumarse tres mortes nas últimas horas.