Os amantes da música rock e do heavy metal teñen, a partir de agora, unha cita semanal ineludible con PontevedraViva Radio. Chega Rock Machine, programa que poderedes escoitar en directo todos os martes ás 19.00 horas.
Rock Machine, dirixido e presentado por Jesús Caballero Izquierdo "Txus Tankian", é un espazo que naceu no ano 2004 a través da 91.4 FM de Valencia.
Despois de varios anos de silencio, o programa retoma a súa emisión en 2014 desde a emisora madrileña GetafeVoz e, actualmente, a súa nova tempada grávase nos estudos radiofónicos de Onda Vecinal Getafe para varias emisoras de España e México.
PontevedraViva Radio súmase desde este martes ás radios que redifunden Rock Machine que, ademais de emitirse en streaming no seu horario habitual, poderá escoitarse vía podcast unha vez se estreen cada un dos novos programas.
Rock Machine, ademais deste programa de radio, dá nome a unha páxina web onde se publican noticias, reportaxes e crónicas sobre actualidade musical, concertos ou discos.
Como asociación cultural musical, organizan o Margaritas Rock Festival entre outros eventos e concertos na comunidade madrileña.