O rueiro de Pontevedra será, a partir de agora, "un pouco máis feminista"

Pontevedra
21 de xaneiro 2019

A "marquesa vermella", unha mestra que solidarizou coas vítimas da ditadura, a primeira muller taxista que houbo en España e unha "menciñeira" que foi acusada de bruxería. Son María Vinyals i Ferrer, Ernestina Otero, Dolores Trabado e Vasquida García, as catro novas incorporacións ao rueiro de Pontevedra

Pleno da corporación municipal de Pontevedra no Teatro Principal
Pleno da corporación municipal de Pontevedra no Teatro Principal / Mónica Patxot

A "marquesa vermella", unha mestra que solidarizou coas vítimas da ditadura, a primeira muller taxista que houbo en España e unha "menciñeira" que foi acusada de bruxería. Son María Vinyals i Ferrer, Ernestina Otero, Dolores Trabado e Vasquida García, as catro novas incorporacións ao rueiro de Pontevedra.

Así o aprobou, coa única abstención do PP, o pleno da corporación municipal celebrado este luns no Teatro Principal.

"Poderían ser moitas máis pero, dende logo, era de xustiza que foran estas catro", explicou a concelleira de Cultura, Carmen Fouces, catro mulleres que "contribuíron á creación desta Pontevedra da que hoxe nos gabamos". Esta homenaxe busca servir tamén como unha demostración "firme e contundente" de que a cidade é "cada día un pouco máis feminista".

Fouces engadiu que espera que este recoñecemento sirva para que "quede claro" a quen pretenda "desandar este camiño" que desde Pontevedra "non daremos nin un paso atrás" na defensa das mulleres.

"Que saiban, os que pretenden volver a queimar bruxas, a pechar escolas, a silenciar ás voces femininas na cultura, a desprestixiar a loita feminista ou a frear os avances das mulleres no ámbito laboral, que nos terán enfronte", concluíu a edil do BNG.

Ernestina Otero, Vasquida García e Dolores Trabado darán nome a novas rúas nos antigos terreos de Tafisa, a beiras do río Lérez; mentres que o de María Vinyals i Ferrer bautizará o xardín situado diante do edificio administrativo da Xunta en Campolongo.

Con Ernestina Otero, a corporación homenaxea a todas as mulleres que defenderon unha sociedade "libre e igualitaria" a pesar do custo persoal que lles supuxo e que a educación é a "mellor arma" para loitar contra o fascismo; e a María Vinyals recoñéceselle o seu "fondo" compromiso social e político e a súa defensa "acérrima" dos dereitos das mulleres.

Dolores Trabado foi a primeira muller taxista no Estado cando, segundo Fouces, "conducir, como o coñac Soberano, era cousa de homes"; e con Vasquida García, que no século XVI utilizaba o seu coñecemento das plantas medicinais para sanar males e foi acusada de pactar co demo, recoñécese o "incuestionable" beneficio colectivo da súa actividade. 

OUTROS ASUNTOS DO PLENO

O pleno deste luns, ademais, acordou desestimar todas as alegacións presentadas ao orzamento municipal de Pontevedra, polo que se converte na segunda cidade galega -despois de Vigo- que logra aprobar todas as súas contas durante este mandado. As de 2019, que ascenden a 76.6 millóns, saen adiante coa abstención de PSdeG-PSOE e Marea.

Por unanimidade, a corporación municipal aprobou a nova ordenanza fiscal de telefonía, coa que o Concello espera recadar anualmente máis de 176.000 euros das empresas de sector que operan na cidade e ocupan espazo público; e a continuidade do plan de condutas  adictivas, que se prorroga á espera da nova normativa estatal.