O ruído das obras do complexo deportivo de Campolongo enfada aos veciños

Pontevedra
30 de setembro 2019

Residentes da rúa Augusto García Sánchez alertan do zumbido constante dunha sala de máquinas que entrou en funcionamento hai tres días e que lles impide conciliar o soño

Obras no centro deportivo de Campolongo
Obras no centro deportivo de Campolongo

As obras de construción do novo complexo deportivo de Campolongo avanzan ás alancadas para entrar en funcionamento no mes de outubro. O Concello de Pontevedra confirmou que, pola modificación do trazado da liña de media tensión de Fenosa, non poderá abrir as súas portas o 1 de outubro. Aínda así, no interior e exterior do ximnasio, o ritmo das obras segue sendo frenético e tanto movemento empeza a xerar molestias. 

"Levan tres días cun ruído continuo, é coma se houbese moitísimos computadores acesos á vez. Está todo o día, pero pola noite nótase máis. A partir de certa hora non debería haber ruídos de ningún tipo", protesta unha veciña da rúa Augusto García Sánchez.

As molestias están a ser, por momentos, insoportables polo que unha das afectadas ten decidido presentar un escrito ao Concello en sinal de protesta contra as obras e para solicitar información acerca da legalidade das mesmas.

"Levantouse a escasos dez metros do número 10 da avenida Augusto García Sánchez, con altura dunha planta, unha construción con aspecto de saída de emerxencia e unha sala de instalacións", expón a afectada, quen engade que "a construción mencionada ten unhas reixas de ventilación que desde hai tres días emiten un ruído insoportable día e noite". Por iso solicita ao goberno local unha copia do proxecto, da licenza de obra e do informe de protección contra o ruído.

Esa sala de instalacións está orientada cara ao bloque de vivendas, co que son da súa actividade perturba a tranquilidade dos residentes sobre todo en horario nocturno. "Estou a pensar en cambiar a habitación porque é moi molesto, non che deixa durmir, levántache dor de cabeza", confesa, María Sánchez, veciña do inmoble.

Os residentes presentáronse na obra para buscar a orixe do son e os traballadores explicáronlle que polo momento están a facer probas e que descoñecen se cando o complexo entre en funcionamento esas máquinas funcionarán de forma continua. "Irei ao concello para preguntar", asegura a veciña, quen recoñece que durante a fase de construción houbo ruído "só cando cortaban materiais, era puntual por iso non molestaba tanto".

Así mesmo, no mesmo escrito alerta de que o complexo invadiu parte da zona verde do parque da Constitución, algo polo que tamén reclamará explicacións.