O Salnés envórcase con Amigos de Galicia para que ningún neno quede sen agasallo de Nadal

O Salnés
30 de novembro 2020

A Fundación ten en marcha a campaña "Comparte un xoguete, comparte unha ilusión" consistente na doazón de agasallos para os menores das familias máis desfavorecidas

Unha entrega de agasallos por parte de Amigos de Galicia no centro Amencer-Aspace
Unha entrega de agasallos por parte de Amigos de Galicia no centro Amencer-Aspace / Fundación Amigos de Galicia

A Fundación Amigos de Galicia está inmersa nunha nova campaña de Nadal na que se marca o obxectivo de que os menores das familias máis desamparadas poidan ter baixo a súa árbore un agasallo nestas festas tan especiais para a infancia e que este ano serán tan diferentes. A campaña “Comparte un  xoguete, comparte ilusión” servirá para repartir máis de 2.500 agasallos entre os menores das familias atendidas en toda Galicia.

Para lograr este obxectivo a entidade conta co apoio de entidades e empresas da comarca do Salnés que se sumaron a esta iniciativa para axudar a chegar á meta e que ningún menor quede sen o seu paquete estas festas.

Alcampo Vilagarcía de Arousa organiza unha campaña de recollida de xoguetes novos entre o 05 de novembro e o 20 de decembro que serán entregados á Fundación da zona do Salnés. A Escola Oficial de Idiomas de Vilagarcía de Arousa sumouse á campaña promovendo entre a comunidade educativa doazóns económicas para que Amigos de Galicia poida comprar os agasallos no comercio local da comarca. 

A asociación “O noso Granito de Area” colabora tamén entregando 5 euros á Fundación por cada unha das fotos que reciba de participantes da súa iniciativa  Ruetando por Sorrisos. O Concello de Moraña ou o Anpa Vagalume teñen tamén en marcha unha campaña de recollida de xoguetes e bens de hixiene para doar á Fundación.

Para xestionar todos os paquetes recibidos, Amigos de Galicia busca voluntarios para colaborar na campaña de Nadal envolvendo e clasificando agasallos.