O Sánchez Cantón ampliará o seu profesorado para recuperar a presencialidade no bacharelato

Pontevedra
16 de outubro 2020

A presión social surte o efecto buscado e a xefatura territorial de Educación anunciou este venres que contratará a todos os profesores necesarios para asegurar un curso 100 % presencial para primeiro e segundo de bacharelato no menor tempo posible

Continúan as protestas polo bacharelato presencial no IES Sánchez Cantón á espera da solución da Xunta
Continúan as protestas polo bacharelato presencial no IES Sánchez Cantón á espera da solución da Xunta / Mónica Patxot

A xefatura territorial de Educación comunicou este venres á comunidade educativa do IES Sánchez Cantón a través da aplicación Abalar que contratará ao profesorado necesario para asegurar a presencialidade completa en primeiro e segundo de bacharelato.

Por falta de espazos e profesorado, Educación decidira implantar un sistema de ensino semipresencial neste instituto pontevedrés para os dous niveis de bacharelato. Unha decisión que motivou as protestas dos alumnos e os seus pais que sentían prexudicados e en inferioridade de condicións en comparación cos estudantes doutros centros de Galicia á hora de preparar as probas de acceso á universidade.

As protestas contaron tamén co apoio de todos os grupos municipais da corporación pontevedresa.

A presión social fixo rectificar á Xunta que, este venres, anunciou que implantará a presencialidade completa en ambos os cursos. Para facelo posible contratarán a todo o profesorado necesario. Agora a dirección do centro ocúpase de reorganizar os horarios, que serán en quenda de tarde, para implantalo no menor tempo posible.

"Estamos satisfeitos porque os rapaces estudarán en igualdade", declarou Ramón López, portavoz do colectivo de pais afectados, despois de coñecer a noticia.

Aínda que toda a comunidade educativa está contenta polo logro, López considera que "é penoso ter que saír á rúa para facer que se cumpran os nosos dereitos. Pero é unha ferramenta ao alcance de todos e ao final conseguiuse", celebra.

Tras este anuncio, as mobilizacións do alumnado quedan suspendidas e a comunidade educativa dará unha marxe de tempo ao centro para adecuar os espazos e as quendas ao ensino presencial.