O saneamento de Santo André de Xeve chegará a 107 novas vivendas

Pontevedra
29 de agosto 2022

As obras que Viaqua debe executar dentro do novo contrato da auga seguen avanzando. A rede de saneamento municipal ampliarase cara á parroquia de Santo André de Xeve, na que se investirán 2,2 millóns de euros para dar servizo a 107 novas vivendas

Santo André de Xeve
Santo André de Xeve / Cristina Saiz

As obras que Viaqua debe executar dentro do novo contrato da auga seguen avanzando. A rede de saneamento municipal ampliarase cara á parroquia de Santo André de Xeve, na que se investirán 2,2 millóns de euros para dar servizo a 107 novas vivendas.

Esta actuación, que se atopa xa en fase de licitación, ten un prazo de execución dun ano e dará cobertura de saneamento aos lugares de Maúnzo, Santa Cruz, Filgueira e Os Fontáns, segundo explicou este luns a portavoz municipal, Anabel Gulías.

O Concello destaca que nesta actuación destinaranse case 21.000 euros por vivenda para que esta zona rural se conecte á rede municipal de saneamento.

En total, instalaranse 7.786 metros lineais de tubaxes.

É, segundo Gulías, un proxecto "complicado" de executar porque hai que solicitar autorización doutras administracións, entre elas a Xunta por afectar á estrada PO-223, a Augas de Galicia ou a Patrimonio, pola súa proximidade ao xacemento de Santa Cruz.