O secretario de Transición Ecolóxica Xusta, en Pontevedra polo Día Mundial do Medio Ambiente​

Pontevedra
30 de maio 2022

Marc Pons protagonizará un evento co lema 'Unha soa Terra, non hai planeta B', previsto para as 18:30 horas do venres 3 de xuño na contorna do monumento aos Heroes de Ponte Sampaio. Pontevedra tamén vai conmemorar o 50 aniversario do Día Mundial do Medio Ambiente cunha intervención de Os Xardíns que Falan na Praza de España

Río Peralba, en Marcón
Río Peralba, en Marcón / Mónica Patxot

O secretario de Transición Ecolóxica Xusta e Preservación da Biodiversidade, Marc Pons, conmemorará o Día Mundial do Medio Ambiente cunha visita a Pontevedra. A data marcada a nivel internacional é a do 5 de xuño, pero a conmemoración adiántase dous días, ao venres 3 de xuño

O tamén director do Gabinete da Vicepresidenta Terceira e ministra para a Transición Ecolóxica do Goberno de España, Teresa Ribera, protagonizará un evento co lema 'Unha soa Terra, non hai planeta B', previsto para as 18:30 horas na contorna do monumento aos Heroes de Ponte Sampaio.

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, será a encargada de presentar o acto, que consistirá nun diálogo entre Pons; o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes; e a parlamentaria  do PSOE e ex concelleira pontevedresa Paloma Castro.

O coloquio será moderado pola secretaria de Medio Ambiente da Agrupación Socialista de Pontevedra, Patricia Vilán, e contará coa presenza do secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, que pechará o acto.

A Concellería de Desenvolvemento Sostible de Pontevedra tamén ten previsto conmemorar o 50 aniversario do Día Mundial do Medio Ambiente a través dunha nova intervención da iniciativa Os Xardíns que Falan na Praza de España.

O obxectivo é sensibilizar á poboación mundial sobre a importancia de coidar dos ecosistemas e fomentar o respecto ao medio ambiente e a intervención dos Xardíns que Falan levará por lema 'A Terra é quen máis ordena'. Estará instalada a partir do sábado 4 de xuño.