O concelleiro de Obras Demetrio Gómez cualifica dun encontro cun bo clima de colaboración a reunión que mantiña, de maneira telemática, con representantes empresariais e do comercio da contorna da praza de Barcelos para mostrarlles as liñas básicas do proxecto de reforma deste espazo.
Durante esta entrevista en liña, Demetrio Gómez trasladaba os principais aspectos que contempla a reforma, facendo fincapé na nova distribución de espazos e na circulación perimetral da praza. Sinalou que estes cambios favorecerán a actividade comercial nos establecementos.
Ademais, durante o encontro tratouse tamén a liña básica do proxecto que contempla a creación de máis espazos verdes e máis zonas de sombra, cun redeseño da área de xogos infantís e das zonas deportivas. Neste sentido, indicou que o obxectivo é que os escaparates dos negocios sexan visibles desde os diferentes puntos da praza.
O concelleiro recolleu as demandas dos representantes empresariais nesta reunión que se engloba na rolda de contactos que vén mantendo coa Federación de veciños Castelao, coa Asociación de veciños do Burgo e coa Asociación Amizade, para analizar os detalles desta obra.