O sector creativo pontevedrés descobre Santa Clara e acepta o reto de buscarlle usos culturais ao antigo convento

Pontevedra
31 de marzo 2022

Unha trintena de empresarios e traballadores da industria cultural de Pontevedra participaron nunha visita guiada polo antigo convento de Santa Clara da man do  concelleiro de Patrimonio, Xaquín Moreda

Visita de representantes do sector creativo pontevedrés a Santa Clara
Visita de representantes do sector creativo pontevedrés a Santa Clara / Mónica Patxot

O interese por descubrir os segredos do convento de Santa Clara non decae.

As prazas para a visita de persoas maiores de 65 anos van camiño de esgotarse e esta mesma mañá representantes das empresas creativas e culturais da cidade coñeceron, da man do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e o concelleiro de Patrimonio e Urbanismo, Xaquín Moreda; as entrañas dun inmoble chamado a converterse nun referente cultural de Pontevedra nos próximos anos.

"Hoxe o visita o sector creativo e cultural da cidade e queremos contar con eles para darlle contido para cando poidamos utilizalo", confesou o rexedor antes de iniciar a visita. Xa no interior, dirixíndose a eles, incidiu en que "queremos que nos aportedes cousas para que a estes 12.000 metros cadrados se lle saque a máxima rendabilidade social".

Na visita tamén estivo presente a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, que emprazou aos representantes do sector para recompilar ideas sobre posibles usos para este convento para expoñelas no mes de setembro coincidindo coa celebración na Boa Vila da Placemaking Week Europe.

No percorrido participaron preto dunha trintena de persoas ligadas ao ámbito da promoción cultural e creativa da cidade, "un sector que nos dá moitas alegrías y que é un dos motores da xeración de emprego na cidade", destacou Lores. Neste sentido, os visitantes percorreron durante máis dunha hora todas as estancias do convento prestando atención ás explicacións e curiosidades que Moreda ía contando sobre o antigo convento.

Sobre a visita programada para persoas maiores de 65 anos, Fernández Lores explicou que se trata dunha iniciativa pensada para " aquelas persoas que non se manexan nas redes, para que poidan tamén anotarse porque hai un interese especial en coñecer Santa Clara".

Remarca o rexedor que ese "interese que excede todo o que nós pensabamos" é aínda maior entre as persoas de maior idade, que "é a que lle ten máis apego porque foi un espazo pechado dentro da cidade e ten certo morbo", rematou.