Un dos sectores esenciais durante os meses de confinamento polo coronavirus, o da limpeza, era o encargado de realizar a invocación a San Roque na sétima das novenas extraordinarias que se están ofrecendo na Basílica de Santa María. Neste caso interveu como representante, Ana Belén Rial Nieto, empregada da empresa Ferrovial - Cespa Servizos en Pontevedra.
Esta pontevedresa relataba na súa invocación a experiencia laboral e persoal: "vivín unha experiencia laboral con completa responsabilidade, a pesar do medo a este virus descoñecido, pola falta de información e por estar exposta a unha situación alarmante e extrema, sen saber se eu podería collelo ou estar asintomática e, o peor, contaxiar aos meus seres queridos, polo que tomei a decisión de non abrazalos e de non ter ningún contacto físico con eles durante 32 días; iso foi o máis duro que pasei como nai: non poder abrazar, nin achegarme demasiado aos meus fillos".
Daqueles momentos, tamén aludía a "todo o agarimo e afecto dos veciños de Pontevedra. A atención de varias persoas que se achegaron a min, preocupadas pola miña saúde, o que me fixo sentir moi recoñecida no meu traballo, que habitualmente adoita pasar máis desapercibido".
Finalmente, ademais do agradecemento e invocación de protección a San Roque e San Sebastián, Ana Belén Rial tamén apelou á responsabilidade social para evitar que se repita a experiencia: "non debemos baixar a garda: nas nosas mans está evitar que todo este medo e toda esta angustia volvan repetirse, extremando as medidas de prevención".