Arredor de 20 profesionais do sector turístico participaron na reunión de traballo celebrada este pasado luns no Centro de Formación da Reiboa, unha cita que forma parte de Descubre Poio, o programa impulsado pola Concellería de Turismo co obxectivo de reforzar, potenciar e diferenciar a profesionalidade dentro deste eido.
Nesta sesión, na que tamén estivo presente a concelleira responsable do departamento, Silvia Díaz (Avante Poio), abordáronse cuestións como a posibilidade de crear paquetes turísticos en función dos perfís dos visitantes. Ademais, continuouse avanzando na elaboración do Mapa Turístico de Poio, unha ferramenta para consultar datos e obter información sobre negocios de hostalería, hospedaxe, gastronomía, festexos locais, oferta deportiva ou riqueza patrimonial.
"Somos conscientes de que Poio é un destino que ten un gran atractivo desde o punto de vista patrimonial ecultural, das actividades náuticas ou da gastronomía, pero temos claro que debemos ir un paso máis alá á hora promocionar e de transmitir información aos e ás visitantes, tendo en conta se veñen a gozar de turismo en familia, se son parellas ou se teñen interese en gozar da natureza ou en practicar deporte", resumiu Silvia Díaz.
Á hora de poñer en valor os atractivos e lugares de interese que existen no municipio, durante a reunión quedou patente, unha vez máis, a necesidade de poñer en valor e dar visibilidade a espazos como o Monte Castrove, a senda costeira A Seca - Campelo ou as diferentes rutas de sendeirismo que se poden atopar en parroquias como San Xoán ou Samieira. Tamén se achegaron propostas como a configuración dun paquete turístico pensado para gozalo a longo dun día, con diferentes alternativas.
A última reunión de traballo do programa Descubre Poio terá lugar o vindeiro luns, 21 de marzo.