A Axencia Turismo de Galicia presentou este luns a orde de axudas de mellora da eficiencia enerxética para establecementos turísticos, dotada cun orzamento global de 7,8 millóns de euros, a decenas de representantes do sector da comarca do Salnés nun encontro mantido no Grove.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, foi o encargado de explicar esta nova liña de subvencións nunha reunión informativa celebrada no hotel Norat da vila meca que contou co apoio técnico de membros do Clúster da Eficiencia Enerxética.
Estas axudas están orientadas a reducir o consumo enerxético, as emisións de dióxido de carbono e o custo da factura eléctrica destes establecementos no marco da política de consecución dos obxectivos ambientais e enerxéticos da Unión Europea, posto que están financiadas cos Fondos NextGeneration EU.
Estas achegas van destinadas a hoteis, pensións, albergues, establecementos de turismo rural e apartamentos turísticos que foran construídos con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2007 e que acometan un investimento nesta materia cun importe mínimo de 5.000 euros iniciado con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2021. Os beneficiarios disporán, ademais, dun prazo máximo de doce meses para a súa execución dende a recepción da notificación da concesión de axuda por parte da Xunta.