O segundo Plan Social de Ence entregará axudas a cerca de 300 proxectos en Pontevedra

Pontevedra
10 de xullo 2018

O 63% dos proxectos presentados resultaron beneficiarios. Segundo os datos facilitados este martes pola empresa, á convocatoria presentáronse un total de 470 proxectos e os 296 seleccionados supoñen que as axudas da pasteira chegarán a 70 beneficiarios máis que na primeira edición 

Entrega de axudas do Plan Social de Ence a clubs de deporte base
Entrega de axudas do Plan Social de Ence a clubs de deporte base / Mónica Patxot

A segunda convocatoria do Plan Social de Ence en Pontevedra repartirá tres millóns de euros entre un total de 296 proxectos. Unha vez concluídos os traballos de valoración levados a cabo pola comisión de seguimento do Pacto Ambiental entre a Xunta de Galicia e Ence, o 63% dos proxectos presentados resultaron beneficiarios

Segundo os datos facilitados este martes pola empresa, á convocatoria presentáronse un total de 470 proxectos e os 296 seleccionados supoñen que as axudas  da pasteira chegarán a 70 beneficiarios máis que na primeira edición do Plan Social de Ence. A empresa sostén que estas cifras mostran a gran acollida da iniciativa. 

A área de actuación que máis proxectos recibiu foi o de Apoio ao Deporte de Base, con 175 solicitudes e 111 outorgados. A segunda foi a de Apoio á Educación e Cultura, con 57 solicitudes e 50 adxudicadas. Na área de Recuperación e Coidado da Contorna foron seleccionadas 48 das 93 solicitudes. En Loita contra a Exclusión Social, 34 de 41. En Impulso ao Emprendemento e á Innovación, 28 do total de 65 proxectos presentados. E no ámbito das axudas veciñais, dos 38 solicitantes serán beneficiados 25. 

A empresa xa procedeu a comunicar a resolución da convocatoria vía correo electrónico a cada unha das entidades ou persoas físicas que presentaron solicitude.

O director territorial de Ence en Galicia, Antonio Casal, valorou que a empresa "valora moi positivamente" a gran acollida do Plan Social e o elevado número de proxectos e de persoas que recibirán achegas. Casal reitera o seu compromiso cos seus veciños de Pontevedra e confía en que o seu programa de responsabilidade social "seguirá contribuíndo de maneira destacada á calidade de vida dos cidadáns de Pontevedra e a súa comarca".

A consultora EY foi a encargada da avaliación das solicitudes presentadas á segunda edición do plan. Realizou unha pormenorizada e detallada valoración de todos os proxectos, garantindo "o máximo rigor na selección das solicitudes presentadas".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora