O Seprona investigou 151 delitos contra o medio ambiente na provincia durante o 2017

Pontevedra
22 de xuño 2018

As actuacións das diferentes unidades da Garda Civil na provincia de Pontevedra, e principalmente do Servizo de Protección da Natureza, durante o pasado ano deron lugar á tramitación de preto de 1.600 infraccións administrativas e á detención ou investigación de 93 persoas

Intervención do Seprona
Intervención do Seprona / Guardia Civil

A Garda Civil investigou un total de 157 delitos relacionados co medio ambiente na provincia de Pontevedra durante o pasado ano 2017, o que supuxo a detención ou citación como investigado de 93 persoas.

Un de cada tres delitos investigados, segundo recolle o balance anual que fixo público o instituto armado, foron relativos a incendios forestais con cinco detidos e 14 investigados.

As diferentes unidades da Garda Civil, principalmente do Servizo de Protección da Natureza (Seprona), actuaron tamén en 32 delitos relativos á propiedade industrial con 32 investigados e un detido e en 31 delitos de malos tratos ou abandono de animais domésticos con 3 detidos e 17 investigados.

Ademais, investigáronse 12 delitos urbanísticos, tres relativos á protección da flora e a fauna e catro delitos contra a saúde pública con produtos alimenticios.

A Garda Civil tramitou tamén preto de 1.600 denuncias por infraccións administrativas nesta materia.

Un total de 291 actuacións foron relativas a infraccións á normativa sobre residuos e verteduras, 257 á de animais de compañía, 146 á de montes, 137 sobre sanidade animal e epizootias 137 e 107 foron actuacións relacionadas coa normativa sobre auga.

No balance anual tamén destacan 100 denuncias por contravenir a normativa sobre animais perigosos, 98 infraccións relacionadas coa pesca, 52 por infrinxir as normas sobre urbanismo, 48 relacionadas coa sanidade e medio ambiente, 44 vinculadas coa sanidade vexetal e fitosanitarios e 41 actuacións sobre espazos naturais, flora e fauna.

O Seprona colaborou tamén en recuperar 12 réptiles (seis tartarugas carbonaria, tres tartarugas rusas, unha tartaruga trionix e un caimán) e tres aves (dúas halcoles gerifalte e un azor) incluídas no catálogo de especies ameazadas de fauna e flora silvestres e formalizou 1.096 actas por inspeccións realizadas nos distintos ámbitos das súas competencias en residuos e verteduras, animais de compañía, montes, sanidade animal, augas e razas caninas perigosas.