O Seprona sorprende un furtivo en Portonovo cazando aves silvestres

Marín
05 de outubro 2022

Empregaba xílgaros vivos como reclamo e unha rede abatible ancorada ao chan para capturalos

O Seprona puxo en liberdade dos dous exemplares de xilgaros no seu hábitat natural
O Seprona puxo en liberdade dos dous exemplares de xilgaros no seu hábitat natural / Guardia Civil

A Garda Civil ven de identificar un cazador furtivo que foi sorprendido mentres pretendía capturar cunha rede xílgaros, unha especie protexida de aves fringílidas.

Segundo informaron fontes oficiais do Instituto Armado, axentes do Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA) da Garda Civil estableceron un punto de vixilancia nunha leira situada nas proximidades da localidade de Portonovo tras ter noticia de que unha persoa estaba a dedicarse á caza furtiva de aves silvestres.

As pescudas realizadas pola patrulla do Seprona concluíron a pasada fin de semana cando localizan a esta persoa, un veciño de Marín, que foi sorprendido cando manipulaba unha rede das denominadas de libro, ancorada ao terreo e provista dun cordel estirado polo chan que utilizaba para o abatemento e a captura das aves. Próxima á rede tiña dúas gaiolas con xílgaros, que actuaban como reclamo para atraer máis aves.

O dispositivo culminou coa identificación desta persoa que sen ningún tipo de autorización para o exercicio da caza, supostamente estábase dedicando á captura ilegal deste tipo de aves silvestres. Foi denunciado por infrinxir a normativa autonómica que regula o exercicio da caza en Galicia e contravir as normas que se estipulan na Lei 5/2019, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia.

O Seprona incautouse tamén da rede e as gaiolas que estaba a utilizar e procedeu á posta en liberdade dos dous exemplares de xílgaros no seu hábitat natural.

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora