O Sergas estudará a creación dun centro de Atención Primaria en Meis se o Concello ofrece terreos

O Salnés
09 de xullo 2020

Desde o Servizo Galego de Saúde confirman que o consultorio de Paradela en Meis continuará inactivo debido a que carece de sala de illamento e de zona para dobres circuítos que permitan adoptar todas as precaucións ante a actual pandemia. Tamén sinalan que falta persoal de soporte para realizar triaxe na entrada á consulta

Consulta médica
Consulta médica

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) terá en conta a posibilidade de dispoñer nun futuro dun centro de saúde que unifique a actividade de Atención Primaria no Concello de Meis. Pero reclama ao goberno local que realice algunha proposta de cesión gratuíta de terreos para estudar a construción dun edificio sanitario para atender á poboación do municipio.

Lembran que esta cesión de leiras debería efectuarse por parte do Concello sen ningún tipo de carga, impostos económicos nin limitación de tempo de uso para poder levar a cabo a creación dun centro de saúde.

Esta opción parte da demanda por parte da veciñanza e do goberno da alcaldesa Marta Giráldez de que se reabra o consultorio de Paradela, que pechou durante os primeiros días do estado de alarma e ao que acudían ao redor de mil residentes na contorna, que agora están obrigados a desprazarse ao municipio de Cambados para ser atendidos por un facultativo.

Desde o Sergas confirman que a inactividade provisional deste consultorio en Meis continuará polo momento xa que o centro carece de espazo para habilitar unha sala de illamento ou de superficie suficiente para establecer dobres circuítos, ademais de faltar persoal de soporte para realizar triaxes á entrada da consulta. 

A xerencia da área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés sinalan que o peche responde á reorganización da actividade asistencial de maneira que se garanta a seguridade tanto de pacientes como dos profesionais que realizan os labores sanitarios.