A pesar de contar "coa terceira planta inactiva" durante o verán polo peche programado de camas, o Hospital do Salnés saca peito da atención satisfactoria realizada durante as festas de Vilagarcía de Arousa, baseándose nos datos que manexa a Administración Sanitaria galega.
Estes datos reflicten que o Hospital do Salnés contou "cunha media diaria de 23 camas libres", motivo polo que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) presume de xestión "axeitada" nas infraestruturas hospitalarias arousanas.
En canto ao centro de saúde de Ande-Rubiáns, durante os días de festexos a maior intensidade de urxencias alcanzouse o pasado sábado día 16, con 146 asistencias.
Na maioría dos casos as persoas atendidas presentaban "patoloxías menores" que se podían tratar no Punto de Atención Continuada (PAC) sen necesidade de acudir ás urxencias do hospital.