O Sergas reorganiza servizos e mantén a consulta especializada para nenos diabéticos

Pontevedra
25 de febreiro 2022

 Anedia denunciou nas últimas horas que a consulta se suspendía. Este venres, tivo unha reunión cos responsables sanitarios e trasladáronlles que continúa e que unha doutora compatibilizará a consulta no Hospital Provincial e unha praza en pediatría no Hospital  do Salnés 

Hospital Provincial
Hospital Provincial / Mónica Patxot

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés procedeu a reorganizar o funcionamento do servizo de Pediatría e confirma que se vai a continuar coa consulta especializada en diabetes infantil no Hospital Provincial que a asociación Anedia denunciou nas últimas horas que se suspendía. 

A asociación tivo constancia do peche da consulta e de que o Sergas cancelaba as citas dos pacientes para a próxima semana, de modo que denunciou publicamente a situación, que afecta a 60 menores de 16 anos con diabetes. Ademais, pediu unha reunión coa Xerencia da área sanitaria. 

Ese encontro celebrouse na mañá deste venres e os responsables sanitarios comunicaron á asociación esta reorganización. 

A doutora que levaba a consulta logrou praza de interina no Hospital  do Salnés, onde empeza o próximo 1 de marzo, de modo que nun principio a consulta quedaba sen especialista, pero esta reorganización permite que esta facultativa compatibilice a consulta no Hospital Provincial e tamén a súa nova praza no Hospital  do Salnés. 

"Procederon a reorganizar o servizo para que o contrato da persoa que levaba o servizo poida ser compatible coa atención tamén en Pontevedra", explican desde a asociación, de modo que "se vai a recuperar este servizo" e esta doutora, que ten formación específica e experiencia, atenderá nos dous centros, uns días en cada un. 

Tras a reunión, o xefe de servizo de Pediatría do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, o doutor Jose Antonio Couceiro, confirmou aos medios de comunicación a continuidade "con certeza" da atención e consulta de pacientes pediátricos  diabéticos na área sanitaria e que, de feito, forma parte de "unha das prestacións esenciais de pediatría"

O doutor Couceiro asegura que "o servizo de pediatría en ningún momento se plantea a interrupción da prestación da atención dos pacientes pediátricos  diabéticos", aínda que familias con nenos neste servizo aseguran que se lles cancelaron as citas da próxima semana e confirmóuselle o peche da consulta. Agora xa lles confirmaron que esas citas retomaranse. 

A alerta de Anedia sobre o peche da consulta causou gran preocupación entre as familias con nenos con diabetes e a asociación trasladoulla este venres á Xerencia na citada reunión. 

O encontro tamén serviu para falar da necesidade de que se incorpore ao equipo de atención a diabetes infantil unha segunda persoa "para que  on existan estes problemas en caso de traslado, baixa ou vacacións", segundo indican desde  Anedia.