O servizo de extinción de incendios e salvamento pasará a ser de xestión directa o 1 de xuño

Pontevedra
02 de febreiro 2021

O pleno extraordinario, que se celebraba este martes na Deputación de Pontevedra, aprobaba por unanimidade a memoria que regulará este proceso de cambio para que o vindeiro 31 de maio, cando remate a concesión actual, pase a ser un novo sistema de xestión pública coa subrogación do persoal operativo

Santiago Villanueva durante o pleno extraordinario telemático do Consorcio provincial de Pontevedra
Santiago Villanueva durante o pleno extraordinario telemático do Consorcio provincial de Pontevedra / Xunta de Galicia

O cambio de modelo na prestación do servizo de extinción de incendios e de salvamento será realidade a partir do 31 de maio por decisión do Consorcio Provincial contra Incendios e de Salvamento, que integran a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia.

Este martes 2 de febreiro, o pleno extraordinario aprobaba por unanimidade a memoria que establecerá as bases para que leve a cabo este cambio cando finalice a concesión actual. 

Deste xeito, o 1 de xuño este servizo pasará a ser de xestión pública de maneira directa. Este cambio conleva a subrogación do persoal operativo que traballa actualmente nos catro parques do consorcio na provincia situados no Morrazo, Ribadumia, Vilagarcía e O Porriño.

A sesión, presidida por Carmela Silva celebrábase de maneira telemática coa participación do director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva; os representantes da Deputación Provincial e as delegadas en Pontevedra e Vigo da Xunta de Galicia.

Carmela Silva, presidenta provincial, agradecía o traballo realizado para lograr en pouco tempo o cambio de modelo e tamén valorou o "bo ton" de todas as partes, tanto administracións como representantes sindicais, para alcanzar un acordo para que o consorcio se encargue de xestionar de maneira directa estes traballos.

Santiago Villanueva tamén se expresou na mesma liña indicando que este cambio será beneficioso para toda a cidadanía. Este sistema ofrecerá unha prestación homoxénea dos servizos de emerxencias en toda a comunidade, de maneira que sexa igual para toda a cidadanía con independencia do lugar de residencia, segundo exponen desde a Xunta de Galicia.

A comisión xurídico-técnica que elaborou esta memoria sinala que esta xestión directa é a modalidade máis sostible e máis eficiente para este servizo ao abaratarse os custos do funcionamento. Os cadros de persoal pasarán a formar parte do persoal indefinido non fixo de maneira temporal e as prazas deberán ofertarse para a súa cobertura definitiva.

Esta memoria expoñerase publicamente durante 30 días naturais para que se presenten alegacións. Despois será levada ao pleno do consorcio para que se aprobe de maneira definitiva. Tamén, nesa mesma sesión plenaria, aprobarase inicialmente a modificación do orzamento necesaria para adaptar as partidas de 2021 a esta nova xestión directa.