O servizo de intermediación laboral de Poio cumpre dous meses cun nivel de inserción do 50%

Poio
12 de xaneiro 2024

Desde a creación do perfil en redes sociais Empregoenpoio publicáronse 14 ofertas de emprego, con dous máis pendentes de publicación actualmente, conseguido a inserción de sete traballadores, o 50% dos postos

Presentación de 'empregoenpoio'
Presentación de 'empregoenpoio'

Dous meses leva activo o servizo de intermediación laboral do Concello de Poio, que asegura o goberno local está a espertar interese entre as persoas que buscan emprego e tamén entre as empresas da contorna.

Desde a creación do perfil en redes sociais Empregoenpoio publicáronse 14 ofertas de emprego, con dous máis pendentes de publicación actualmente, conseguido a inserción de sete traballadores, o 50% dos postos.

"Os resultados están a ser moi positivos", afirma a concelleira de Promoción Económica, Maritxe González.

Segundo explica o Concello ademais de Poio, empresas de Sanxenxo, O Grove, Cambados, Pontevedra e Vilagarcía solicitaron a intermediación deste servizo para buscar persoal.

As persoas demandantes de emprego e as empresas que teñan algunha praza que cubrir e estean interesadas en participar nesta iniciativa poden darse de alta no servizo de orientación laboral do Concello de Poio ou pedir máis información a través do propio portal nas redes sociais.

Unha iniciativa que colaborou para que Poio pechase o ano 2023 co seu dato histórico máis baixo de persoas en situación de desemprego, con 775 persoas (o un 9,83% da poboación), 123 menos que o ano anterior.