O sindicato SATSE traslada ás institucións a necesidade de máis persoal de enfermería

Pontevedra
29 de xaneiro 2019

Este sindicato desenvolve unha campaña de recollida de sinaturas co obxectivo de que se conte cunha lei de ratios enfermeira-paciente digna. A representante en Pontevedra, Emma Rodríguez, mantivo un encontro coas concelleiras Anxos Riveiro e Pilar Comesaña

Emma Rodríguez, de SATSE, coas concelleiras Pilar Comesaña e Anxos Riveiro
Emma Rodríguez, de SATSE, coas concelleiras Pilar Comesaña e Anxos Riveiro / PontevedraViva

Emma Rodríguez, secretaria provincial de SATSE en Pontevedra, presentaba este martes no Concello de Pontevedra unha moción reclamando que se estableza en España unha lei de ratios entre persoal de enfermería e pacientes que resulte digna.

A intención é que os grupos municipales realicen unha declaración conxunta para que o pleno da corporación municipal debata sobre este tema e aprobe esta iniciativa para incrementar o persoal de enfermería nos centros hospitalarios.

Emma Rodríguez mantivo un encontro coas concelleiras Anxos Riveiro e Pilar Comesaña. A representante sindical anunciou que tamén presentarán outra moción na Deputación de Pontevedra. Ao mesmo tempo manteñen unha campaña de recollida de sinaturas para obter as 500.000 que permitan poñer en marcha unha iniciativa lexislativa popular.