O sistema Smart Mobility estará dispoñible en Marín "a partir deste verán"

Marín
03 de xuño 2023

Con este sistema a cidadanía poderá coñecer o estado da conxestión do tráfico nas principais vías urbanas e cal é o nivel de ocupación do estacionamento, tanto nas rúas como nos aparcadoiros públicos gratuitos habilitados por todo o centro

Zona 2H de aparcamento en Marín
Zona 2H de aparcamento en Marín /

O Concello de Marín informou que a partir deste verán estará dispoñible o sistema de Smart Mobility que permitirá ter información en tempo real do tráfico e do aparcamento.

A vila marinense leva tempo traballando na aplicación destas estratexias coas que buscan usar a tecnoloxía como ferramenta esencial para ordenar as cidades do futuro. Neste sentido aplican as estratexias Smart Mobility, unha das liñas de inversión que se contemplan dentro de Marín Dusi, proxecto cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea.

O obxectivo fundamental deste sistema é "axudar na ordenación do tráfico e do estacionamento en todo o espazo urbano, dando información en tempo real á cidadanía". Tal e como indicou o Goberno local "xa está na fase final de validación de datos e dos sistemas informáticos, que se porán en marcha para que o proxecto poida estar dispoñible para a veciñanza este mesmo verán".

Deste xeito, poderán coñecer o estado da conxestión do tráfico nas principais vías urbanas e cal é o nivel de ocupación do estacionamento, tanto nas rúas como nos aparcadoiros públicos gratuitos habilitados por todo o centro. A información publicarase de maneira constante e en tempo real para que as persoas poidan buscar de xeito máis sinxelo onde aparcar o coche.

Con esto, tal e como explican fontes do Goberno local, "conseguimos reducir algúns fluxos innecesarios de tráfico, dotándonos dunha ferramenta que xa nos advirte con previsibilidade onde pode haber espazo para aparcar e onde a ocupación xa é a máxima".

Para recoller estes datos, o Concello instalou unha serie de cámaras que funcionan con intelixencia artificial e están programadas para recoller exclusivamente datos de ocupación, conteando o número de vehículos e sen recoller imaxes reais do espazo urbano, cumplindo, deste xeito, coa lei de protección de datos. Con esta ferramenta, tamén se poderá controlar o correcto funcionamento da Zona 2H.

Unha vez o proxecto estea en marcha, as personas poderán consultar toda esta información a través de pantallas tipo LED como a ubicada na marquesiña da Praza de España, así como a través dunha aplicación móbil e da web municipal.

Indican ademais que os datos recollidos permitirán tomar decisións de cara á estratexia de rehumanización e ordenación urbana que poderá gañar espazos para a cidadanía segundo os fluxos de tráfico e de tránsito peonil propios da vila.

Finalmente, dentro deste proxecto cofinanciado polos Fondos FEDER instalaron tres estacións meteorolóxicas (na Sacoa, en Portocelo e en Santomé), coas que se poderá comprobar a calidade do aire e outros parámetros que axudarán a facer de Marín unha vila máis sostible.