O sorteo de tarxetas agasallo do Concello acadou un impacto na economía local superior a 175.000 euros

Marín
20 de xaneiro 2022

Depositáronse na Caixa de correos da Oficina de Turismo 3.320 tickets, o que supón un bo síntoma de que moitos marinenses escolleron os locais e negocios da vila para facer as súas compras durante o Nadal

Recollida das tarxetas agasallo
Recollida das tarxetas agasallo / Concello de Marín

A campaña de sorteo de 100 tarxetas agasallo de 50 euros, que entre o mércores e hoxe xoves están a ser repartidas entre os afortunados que alcanzaron unha, "foi todo un éxito nesta segunda edición, xa que conseguimos xerar o dobre de impacto económico na economía local da nosa vila", explican fontes municipais.

De maneira concreta, depositáronse 3.320 tickets na Caixa de correos da Oficina de Turismo, que xeraron un importe global de 175.102,81 euros. 

"Isto é un síntoma moi positivo de que os marinenses seguen apostando pola nosa economía para facer as súas compras e para consumir e que fixeron este compromiso cos nosos negocios durante o Nadal, unha época na que se fan moitas máis compras que no resto do ano", indica o Goberno local.

O bo balance desta iniciativa anima ao Concello á posibilidade de seguir facendo campañas que incentiven o consumo directo nos comercios locais. 

Agora, as persoas afortunadas que obtivesen unha tarxeta de 50 euros terán ata finais de marzo para trocala única e exclusivamente en negocios e locais de Marín.