O superávit municipal de 2018 superou os 6 millóns de euros

Pontevedra
08 de marzo 2019

Ata os 101 millóns de euros, o seu récord histórico, ascende finalmente o orzamento municipal de Pontevedra en 2018. Así o recollen os datos de liquidación das contas, que presentaron este venres o concelleiro de Facenda, Raimundo González. Iso contribúe a que o superávit tocara teito, chegando ata os 6,2 millóns

Entrada das dependencias administrativas do Concello na rúa Michelena
Entrada das dependencias administrativas do Concello na rúa Michelena / Mónica Patxot

Ata os 101 millóns de euros, o seu récord histórico, ascende finalmente o orzamento municipal de Pontevedra en 2018. Así o recollen os datos de liquidación das contas, que presentaron este venres o concelleiro de Facenda, Raimundo González. Iso contribúe a que o superávit tocara teito, chegando ata os 6,2 millóns.

O goberno municipal asegura que a súa intención é destinar a meirande parte destes cartos a investimentos, para o que segundo González "xa temos proxectos". Pero, ao non ter orzamentos xerais do Estado, por agora só se poderá destinar a amortizar débeda. Agardan, en todo caso, que isto cambie nas vindeiras semanas vía decreto lei.

O incremento do orzamento final, 26 millóns máis que as contas aprobadas inicialmente -que ascendían a 75 millóns-, débese sobre todo á recepción dos fondos europeos EDUSI e a unha meirande transferencia en convenios con outras administracións.

Deste xeito, en 2018 realizáronse gastos por 72 millóns de euros, malia que se chegaron a tramitar máis de 87 millóns, mentres que os ingresos medran ata os 71 millóns, segundo o concelleiro do BNG, polas inspeccións fiscais para regularizar os pagamentos de certos impostos e un "bo comportamento" dos cidadáns.

O grao de execución do orzamento, pola súa parte, ascendeu ao 71,26% pero Raimundo González destaca que, en canto ao tramitado que inclúe obras en execución pero non abonadas, subiría ata o 85,75%. No capítulo de investimentos, a execución real foi do 37,17% e, en materia de tramitación, acadou o 71%.

González destacou tamén que o remanente de tesourería subiu ata os 19,2 millóns, os fondos líquidos do Concello aumentaron ata os 31 millóns e a débeda situouse a 31 de decembro de 2018 en 12,1 millóns, a máis baixa desde 1991.

Estes datos, segundo Raimundo González, demostran a "boa saúde" económica do Concello e o "rigor" na xestión dos recursos públicos. "Temos peto, temos pouca débeda, pagamos puntualmente aos provedores e hai capacidade para facer orzamentos", destacou.