O supermercado Gadis máis grande de Pontevedra abre as súas portas

Pontevedra
10 de marzo 2022

Gadis estrea un novo punto de venda en Pontevedra, na rúa Benito Corbal, número 49, con esquina a Javier Puig Llamas. O supermercado abría este xoves 10 de marzo ao público no seu horario habitual, de 9 a 21.30 horas

Novo supermercado Gadis en Pontevedra
Novo supermercado Gadis en Pontevedra / Mónica Patxot

Gadis estrea un novo punto de venda en Pontevedra, na rúa Benito Corbal, número 49, con esquina a Javier Puig Llamas. O supermercado abría este xoves 10 de marzo ao público no seu horario habitual, de 9 a 21.30 horas.

O establecemento, con máis de 2.200 m2 de superficie total repartidos en dúas plantas, construíuse seguindo estritos parámetros de sustentabilidade e eficiencia enerxética que van supoñer "ata un 40% de aforro de consumo de enerxía", indicaba José Luis Fernández Astray, o director de Comunicación de Gadisa retail. Trátase, ademais, do supermercado Gadis urbano máis grande de todos os que ten a firma galega.

"As modernas e amplas instalacións proporcionan un plus de comodidade aos clientes para que gocen da mellor experiencia de compra", manifestan desde a empresa. Neste sentido, destaca unha sección especial de panadería, con ampla variedade e atención ao público. Outra das novidades deste centro é a completa selección de produtos a granel e unha adega cun stock de viños das principais denominacións e países.

O novo supermercado Gadis mantén a filosofía da marca, que é ofrecer produtos frescos comprados directamente a máis de mil produtores locais. Deste xeito, nos lineais pódese apreciar unha gran presenza de produto de proximidade, o que se traduce nun apoio ao sector primario galego, un menor impacto ambiental e redución da pegada de carbono con produtos quilómetro cero, e trasladar aos clientes artigos de primeira calidade, como explicaba o director de comunicación.

Pola súa banda, o delegado de Gadisa retail en Pontevedra, Pablo Louro, engadía que neste establecemento situado no centro da cidade o cliente vai poder atopar 10.000 produtos nos seus andeis, dos cales 400 artigos son de máximo aforro sen renunciar á calidade, tanto a través da marca propia, IFA, como noutras referencias ou en produto fresco. Neste sentido, cabe destacar que o persoal de Gadis acode día a día ás principais lonxas de Galicia, onde se encarga de xestionar a compra para que vaia directamente aos supermercados sen custos de intermediarios, ofrecendo deste xeito unha vantaxe importante ao cliente en frescura e prezo, e apoiando ademais aos mercados locais.

Mónica Dasilva, responsable de centro, destacaba o bo ambiente de traballo durante os preparativos e nesta primeira xornada de apertura ao público, entre outros aspectos porque se mantén o 100% do persoal do supermercado máis pequeno que estaba situado na mesma rúa e que leva máis de vinte anos traballando en Gadis. A maiores, xeráronse novos empregos, ata alcanzar o total de 40 traballadores.

O novo supermercado Gadis ocupa dúas plantas, que se comunican por ramplas mecánicas, escaleiras e ascensores. O acceso está perfectamente adaptado a persoas con mobilidade reducida, que poderán desprazarse comodamente polas amplas instalacións.

Neste espazo estivo situado desde 1951 o garaxe Costa Giráldez, que durante décadas tamén foi gasolineira. Precisamente, desde Gadisa quíxose render unha homenaxe á que foi unha empresa emblemática de Pontevedra cunha gran fotografía que recibe ao cliente e na que vemos unha das traballadoras da gasolineira manexando un antigo forncedor. Con esta imaxe de fondo, nesta xornada inaugural, a agrupación "Gaiteiros das Rías Baixas" de Pontevedra recibía ao numeroso público que se achegou a coñecer as instalacións e realizar as súas primeiras compras.