O Supremo confirma a condena por branqueo de capitais a 'Dino' Fernández, ex socio de Oubiña

O Salnés
04 de marzo 2014

A sentenza confirmada condenaba tamén a Eugenio Viñas Cid como o seu colaborador. Ambos os dous recorreron o fallo ante o Supremo, pero agora confírmase a pena para o principal procesado de cinco anos de prisión e unha multa de 540.000 euros e para o seu colaborador de tres anos e tres meses de prisión e unha multa de 12.000 euros

Xuizo por branqueo de capitais procedentes do narcotráfico
Xuizo por branqueo de capitais procedentes do narcotráfico / PontevedraViva

O Tribunal Supremo confirma a condena a cinco anos de prisión por un delito continuado de branqueo de capitais procedentes do narcotráfico para José Secundino Fernández Fernández, un arousano que previamente xa fora condenado en dúas ocasións por tráfico de estupefacientes, como membro dunha organización dedicada a introducir haxix en España da que formaba parte Laureano Oubiña. A sentenza recén confirmada ditouna a Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra en abril de 2013 tras ser xulgado seis meses antes, en novembro de 2012.

A sentenza recén confirmada condenaba tamén a Eugenio Viñas Cid, veciño de Campelo, como o seu colaborador. Ambos os dous recorreron o fallo ante o Supremo, pero o Alto Tribunal desestimou o seu recurso, de modo que se confirma a condena, que no caso do ex socio de Oubiña inclúe cinco anos de prisión e unha multa de 540.000 euros e ao seu colaborador lle impón tres anos e tres meses de prisión e unha multa de 12.000 euros, ademais de comisar de forma definitiva e adxudicar ao Estado todos os bens, efectos e capitais de ambos os dous.

'Dino' Fernández presentou un recurso de casación esgrimindo como motivos unha infracción do dereito ao segredo das comunicacións, á intimidade persoal e á tutela xudicial e vulneración da presunción de inocencia por existir erro na valoración da proba derivada da información facilitada por Axencia Tributaria que omite toda referencia aos seus ingresos pola súa variada vida laboral, comisións por venda de automóbiles ou explotación dun negocio de pedaletas na praia, ingresos que non tiveron acceso ás bases informáticas de Facenda. Ademais, queixouse de que non se lle aplicou a circunstancia atenuante de dilacións indebidas.

Eugenio Viñas recorreu alegando que se vulnerou o seu dereito á presunción de inocencia e, ao ditar sentencia, a Sección Segunda da Audiencia tampouco lle aplicou a circunstancia atenuante de dilacións indebidas.

O Supremo desestimou todos os recursos, de modo que confirma a sentenza, na que a Audiencia decidira absolver a nai de 'Dino' Fernández, Rosalía F.C.; o seu irmán. Gabriel F.F. e a súa ex esposa, Yolanda W.F.; así como a súa noiva, Alicia L.F., considerados polo fiscal presuntos homes de palla do 'narco'.

A sentenza conclúe que o ex socio de Oubiña obtivo ingresos económicos procedentes do narcotráfico cos que foi adquirindo pisos, coches (como unha limusina) e fondos de investimento para cuxa ocultación se serviu de distintas persoas, todas elas familiares ou achegados, ao obxecto de evitar a súa intervención. Durante o xuízo el defendeuse alegando, entre outros argumentos similares: "Siempre he sido muy trabajador, con 15 años ya tenía un negocio de pedaletas en la playa de Samil".