O Surfing The Lérez recolle unha onda de solidariedade

Pontevedra
18 de xuño 2018

Os asistentes ao festival doaron durante a xornada do sábado uns 4.000 quilos de alimentos e 1.600 produtos de hixiene na habitual recollida solidaria en favor de RedeAxuda

Posto de RedeAxuda no Surfing The Lérez 2018
Posto de RedeAxuda no Surfing The Lérez 2018 / Diego Torrado

O festival Surfing The Lérez que se celebrou o sábado na Illa das Esculturas non só resultou un gran éxito de público.

A habitual recollida solidaria organizada no evento, gratuíto pero que pedía a colaboración dos asistentes, conseguiu reunir unha gran cantidade de produtos.

En concreto RedeAxuda recadou uns 4.000 quilos de alimentos e 1.600 produtos de hixiene como champús, pasta de dentes, desodorizantes ou maquinas de afeitar, unha das necesidades para as asociacións e que foi especificada previamente pola organización.

Tal foi a onda de solidariedade que a furgoneta do servizo de RedeAxuda tivo que realizar ao longo da xornada ata sete viaxes para transportar o material doado.

Tras ser catalogados, tanto os alimentos como os servizos de hixiene serán repartidos durante a semana ás asociacións que prestan o seu servizo no municipio.