O talento de cinco ex alumnos de Esdemga deslumbra na inauguración de PONMO

Pontevedra
27 de setembro 2013

Os proxectos fin de carreira de cinco ex alumnos da Escola de Estudos de Moda e Deseño de Galicia (Esdemga) protagonizaron este xoves o desfile inaugural da pasarela PONMO no Liceo Casino. Yeray Suárez, Áurea Aburto, David del Río, Laura Otero e Amai Rodríguez presentaron unha escolma das súas coleccións nadas no seo do centro pontevedrés

Os proxectos fin de carreira de cinco ex alumnos da Escola de Estudos de Moda e Deseño de Galicia (Esdemga) protagonizaron este xoves o desfile inaugural da pasarela PONMO no Liceo Casino. Yeray Suárez, Áurea Aburto, David del Río, Laura Otero e Amai Rodríguez presentaron unha escolma das súas coleccións nadas no seo do centro pontevedrés, logo de conseguir, no seu momento, o primeiro premio na pasarela Debut, o certame que promove a propia escola.

A improvisada pasarela do Liceo Casino acolleu 15 deseños, tres por cada un dos ex alumnos de Esdemga, sendo tan só David del Río o que presentou unha proposta mixta. Tanto Yeray Suárez como Áurea Aburto achegaron ata este emblemático edificio do casco histórico dúas propostas dirixidas expresamente ao público masculino. Os deseños para unha muller moderna, actual e rompedora quedaron na man de Laura Otero e Amai Rodríguez.

Aurea Aburto fixo desfilar á súa colección "Freaks", unha aposta sutil pola creación de estampados que toma o seu nome da película A Parada dos Monstros de Todd Browning; mentres que David del Río participou coa súa colección "Unha mirada aos tolos 20" e Amai Rodríguez, a primeira deseñadora formada en Pontevedra que desfilou na pasarela Ego Cibeles, mostrou algúns dos modelos da súa última colección.

Pola súa banda, Laura Otero presentou tres estilismos da colección "Real Belle Dolls" inspirada na historia de tres princesas siberianas atopadas conxeladas; e Yerai Suárez mostrou a súa colección "Only The Young Die Young" que ten como referencia a película I walked with a zombie para deseñar un traxe masculino no que altera o patronaxe para que as pezas non queden centradas sobre o corpo, desprazándose á esquerda ou á dereita.

OUTRAS ACTIVIDADES

Esta primeira xornada de PONMO completouse co desfile organizado pola marca pontevedresa Krack, quen coa colaboración da escola de danza Factory Dance, presentou a súa nova liña de produtos Krack Kids. Ademais, o Liceo Casino acolleu tamén a inauguración da exposición Dual, a cargo do fotógrafo pontevedrés Marcos Suárez, que mostra o seu particular punto de vista sobre a fotografía artística de moda.

Xa este venres abrirá as portas o showroom. Unha treintena de marcas galegas e españolas expoñerán os seus produtos no Recinto Feiral entre as 11.00 e as 20.30 horas. A xornada complétase coas conferencias sobre tendencias e moda que se desenvolverán durante a tarde e co certame Mara Martín PONMONOVO, onde se poderán contemplar 12 coleccións de novos deseñadores.

Para máis información, consulta en PontevedraViva toda a programación de PONMO.