O alumnado do módulo forestal do obradoiro de emprego Ulla-Umia IV afronta a recta final das súas obras no Concello de Moraña co acondicionamento das sendas fluviais dos regatos de Gundeiro e Catañosa, que discorre este último polas parroquias de Amil, Rebón e San Lourenzo. Mentres que o primeiro atravesa Saiáns e Gargantáns.
Esta intervención prolongarase ata o mes de decembro e dá continuidade ás realizadas anteriormente en equipamentos públicos do municipio polos participantes do módulo de albanelería.
Neste caso, os traballos céntranse na roza, preparación do firme e sinalización do trazado.
O obradoiro de emprego, compartido co Concello de Valga e financiado con 336.000 euros pola Xunta, concluirá en decembro e serviu para formar a unha vintena de persoas desempregadas.
O alcalde José Cela mostrou a súa satisfacción polo resultado desta iniciativa e comprometeuse a seguir apostando por este formato que aúna empregabilidade e obras públicas.