O transporte escolar de Poio supera con éxito todos os controis

Poio
11 de decembro 2017

No que vai de ano tense constancia de dous accidentes de autobuses escolares dentro do Concello de Poio, un no lugar do Pereiro e outro en Arís, sen feridos, aínda que viaxaban menores no momento dos sinistros

A Policía Local de Poio controla o transporte escolar
A Policía Local de Poio controla o transporte escolar / Policía Local de Poio

A Policía Local de Poio vén de rematar unha campaña de controis especiais sobre o transporte escolar e de menores e fai un balance positivo.

Esta iniciativa levouse a cabo dende o 27 de novembro ao 1 de decembro en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico e en cumprimento da programación das campañas e operacións especiais para o ano 2017, sen prexuízo da vixilancia normal que se realiza durante todo o ano.

No que vai de ano tense constancia de dous accidentes de autobuses escolares dentro do Concello de Poio, un no lugar do Pereiro e outro en Arís, sen feridos, aínda que viaxaban menores no momento dos sinistros.

A Policía Local de Poio verificou un total de 13 autobuses nos centros escolares do municipio, constatando que todos cumpren a normativa vixente e os condutores colaboraron positivamente nos controis. O obxectivo desta iniciativa consiste en garantir que todos os vehículos dedicados ao transporte escolar cumpran cos requisitos sobre condicións de seguridade no transporte escolar e de menores que se recollen no Real Decreto 443/2001.

Nestas inspeccións de control supervísanse, por unha banda, as autorizacións xenéricas e especiais de cada vehículo, a ITV, o seguro obrigatorio e o de responsabilidade civil ilimitado, o permiso de condución e a autorización especial de cada condutor, así como o seu estado físico e a posible presenza do alcol na condución.

ALCOL

A Policía Local de Poio colaborará nunha nova campaña especial posta en marcha pola Dirección Xeral de Tráfico sobre control da taxa de alcol e presenza de drogas en condutores, e que levará a cabo a partir deste luns día 11 de decembro e ata o 17 de decembro.

Segundo datos facilitados, o alcol está presente como factor concorrente ou desencadenamento nun terzo dos accidentes mortais e a súa presenza na condución, dependendo da súa taxa, multiplica entre 2 e 15 o risco de sufrir un accidente. A única taxa segura é 0,0.

A Policía Local de Poio velará pola súa seguridade controlando o consumo de alcol e outras  drogas daqueles condutores que circulen polas vías do Concello. Dende a Xefatura local lembran que no caso de beber en exceso nas ceas de empresa ou familiares débese utilizar transporte público colectivo.