O traslado de colectivos sociais ao centro cívico de Campolongo, pendente dun trámite da ONCE

Pontevedra
22 de xaneiro 2015

Amencer, Juan XXIII, Amizade e Xuntos deberán esperan aínda uns meses máis antes de ocupar o centro cívico de Campolongo, que estará situado na antiga residencia da ONCE. Aínda que se esperaba que, a estas alturas, xa tivesen dispoñibles os seus novos espazos no devandito inmoble, un trámite que depende da ONCE atrasou os plans que manexaba inicialmente o goberno municipal

Visita ás obras do centro cívico da zona sur
Visita ás obras do centro cívico da zona sur / Mónica Patxot

Amencer, Juan XXIII, Amizade e Xuntos deberán esperan aínda uns meses máis antes de ocupar o centro cívico de Campolongo, que estará situado na antiga residencia da ONCE. Aínda que se esperaba que, a estas alturas, xa tivesen dispoñibles os seus novos espazos no devandito inmoble, un trámite que depende da ONCE atrasou os plans que manexaba inicialmente o goberno municipal.

Ao estar situado o edificio dentro dunha propiedade privada, a ONCE debe tramitar unha serie de expedientes relacionados cun vial que o organismo debe ceder para que se poida tramitar as correspondentes licenzas de obras. "Pensamos que non se ía demorar tanto, pero non depende de nós", recoñece a concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces, que espera, en todo caso, que este asunto se poida resolver antes de que finalice este mandato.

"Agardemos que a ONCE tramite os papeis canto antes, porque con este atraso non lle está facendo ben a asociación irmás como ás que van ocupar o edificio", afirma a concelleira nacionalista.

Cando se poida asinar o acordo de cesión, cada unha destas asociacións ocupará unha das catro plantas do inmoble e a súa rehabilitación e adecuación interior correrá a cargo dos seus futuros inquilinos, en función das necesidades do proxecto que queiran desenvolver nel.

Nun principio, Amencer destinará a súa planta á creación de vivendas protexidas e tuteladas, Xuntos trasladará todas as súas sedes a este edificio Juan XXIII prevé habilitar unha vivenda para discapacitados con certa autonomía e trasladar ao edificio a sede da fundación para o emprego de persoas con discapacidade e Amizade trasladará o seu servizo de intermediación laboral e creará aulas de formación.

Este atraso, segundo indica Carmen Fouces, non tería por que afectar aos outros colectivos e asociacións que tamén utilizarán o edificio, xa que as súas necesidades son diferentes e non estarán obrigados a tanta tramitación. Trátase, entre outros, das tres asociacións de veciños do barrio de Campolongo, a Coral Polifónica, a Sociedade Galega de Antropoloxía ou o Fondo Galego de Cooperación.