O TSXG declara firme a sentenza que ordena á Xunta retirar o polígono Marín-Pornedo

Marín
16 de setembro 2017

Nin a administración galega nin o Concello de Marín presentaron recurso de casación contra a resolución do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que deu a rázón á Asociación Defende o Monte Pituco (Pornedo)

Vistas da Ría de Pontevedra desde o Monte Pituco
Vistas da Ría de Pontevedra desde o Monte Pituco / Asociación Defende o Monte Pituco

A Sección Segunda da Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) declarou firme a sentenza que, o pasado mes de maio, ordenou á Xunta excluír o polígono Marín-Pornedo do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia.

Así o deu a coñecer a Asociación Defende o Monte Pituco (Pornedo), despois de que a nin a administración galega nin o Concello de Marín presentasen recurso de casación contra a resolución do TSXG que daba a razón ao colectivo

A decisión do tribunal baseouse na viabilidade ambiental da obra proxectada, que aseguraba non está xustificada pola "decisiva influencia" das características orográficas da zona afectada e polos danos que provocaría a nivel físico, natural e paisaxístico.

Agora, coa sentenza definitiva, na man, a Asociación Monte Pituco avanza que solicitará "de maneira inmediata" a súa execución, o que implica que a Xunta de Galicia teña que modificar o Plan Sectorial suprimindo o polígono industrial proxectado neste emprazamento.