A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ratificou a pena de 15 anos de cárcere imposta pola sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra a un home por agredir sexualmente durante unha década -desde que tiña oito anos- á filla menor de idade da súa parella. O procesado foi condenado como autor dun delito continuado de agresión sexual sobre menor de 16 anos e, ademais da pena de prisión, o tribunal de primeira instancia impúxolle o pagamento dunha indemnización á vítima de 59.900 euros pola lesión psíquica e as secuelas que padece, a cal foi confirmada tamén polo alto tribunal galego.
A Sala do Civil e Penal absolveu o acusado da comisión dun delito menos grave de lesións. Desta forma, acolleu, en parte, o recurso presentado contra a sentenza da Audiencia Provincial de Pontevedra. Os maxistrados entenden que "non existe esa violencia autónoma" esixible para a condena polas lesións, senón que afirman que dita violencia vai dirixida "a lograr a agresión sexual, cinguíndose á mesma".
O TSXG advirte que a admisión desa posición, penando autónomamente as lesións, "non alcanzaría substantivación propia para integrar un delito autónomo e separado" no caso de que "se suprimise o efecto da abominable conduta do acusado". A consecuencia, por conseguinte, "non pode ser outra que a exclusión do delito de lesións da condena imposta, integrando os efectos da conduta do agresor, as consecuencias, dentro da responsabilidade civil como secuela derivada da súa conduta".
En canto á condena polo delito continuado de agresión sexual, os maxistrados salientan que a apreciación da continuidade delituosa "obedece a unha situación constante e reiterada no tempo, sen que sexa preciso detallar todos e cada un dos sucesos", polo que avalan a apreciación da continuidade delituosa realizada pola Audiencia Provincial de Pontevedra. Así, indican que os feitos declarados probados "constatan unha serie de agresións que se iniciarían desde o momento en que a vítima vai vivir coa súa nai e o condenado, e finalizarían cando esta cumpre os 18 anos".
Ademais, recalcan que non entenden conculcado o principio de presunción de inocencia, como alega a defensa do procesado, pois destacan que a sentenza de primeira instancia "se apoia na proba practicada, racionalmente valorada, non deixando sombra de dúbida á Sala do sucedido, o que descarta o efecto da aplicación do principio in dubio pro reo". Ademais, subliñan que cumpre "cos estándares probatorios á hora de valorar a proba de cargo".
"Como facilmente se colixe, non apreciamos que a valoración da Sala adoeza de falta de lóxica ou coherencia, ao contrario, os feitos declarados probados flúen naturalmente do contido das probas practicadas. Non alcanzamos a comprender o porqué do recurso sobre a falta de persistencia na incriminación", manifesta o TSXG na resolución, que non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.