A Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) declarou nulo o proxecto de trazado, primeira fase de acceso ao Hospital público de Pontevedra, o coñecido como desdobramento do Pino-Bora.
O Concello de Pontevedra recorrera contra a tramitación do proxecto ao entender que a Xunta invadía competencias municipais. "Recorremos coa idea de deixar claro cales eran ás competencias municipais", comentou o concelleiro de Ordenación de Territorio, César Mosquera, ao dar conta deste fallo xudicial.
A sentenza do alto tribunal galego confirmou que a Administración autonómica ten plenas competencias para actuar. Pero os maxistrados encontraron defectos de forma no decreto autonómico de agosto de 2010, polo que a Xunta declarou a utilidade pública das obras e dispuxo a urxente ocupación das vivendas e terreos afectados.
Resulta que a fase de información ao público se realizou despois de declarar a expropiación, sen dar a oportunidade aos afectados a opoñerse á ocupación ou realizar propostas de modificado de trazado. "Gañamos a sentenza pero non é ningún éxito", valorou Mosquera.
"O último que se lle pasa pola cabeza ao goberno local e pedir a execución da sentenza", dixo o concelleiro, sen descartar totalmente esta posibilidade.
Mosquera espera que a Consellería se sente ten falar para retomar a vía da concordia e lealdade institucional e evitar que se sigan xudicializando os temas con estas consecuencias imprevisibles.
Neste sentido o concelleiro nacionalista aventurou que ademais da inseguridade xurídica que xera, unha posible consecuencia desta sentenza do TSXG é que os propietarios expropiados poidan ter a posibilidade de reclamar ata un 25% máis diñeiro polos seus bens ocupados.