O TSXG valida prorrogar ata o 18 de decembro o uso do certificado covid para acceder a hospitais e locais de lecer nocturno

Pontevedra
03 de decembro 2021

Ademais o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia autorizou tamén que o único modo permitido para validar os certificados sexa coa lectura do código QR mediante a aplicación Passcovid Galicia, creada pola Consellería de Sanidade

Unha persoa amosando o certificado covid
Unha persoa amosando o certificado covid / Xunta de Galicia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autorizou, ata o 18 de decembro, a obrigación de exhibir o pasaporte COVID-19 para o acceso aos hospitais públicos e privados da comunidade das visitas e acompañantes, maiores de 12 anos, dos pacientes ingresados, así como a locais de lecer nocturno.

Ademais o TSXG tamén deu o seu visto e prace a que a que a validación dos certificados nos locais de lecer se teñan que realizar obrigatoriamente mediante a lectura do código QR usando a aplicación Passcovid Galicia creada pola Consellería de Sanidade.

"Esta condición introduce seguridade xurídica e certeza nas persoas encargadas de facer a comprobación e, ao mesmo tempo, disipa na persoa que exhibe o documento calquera suspicacia sobre a almacenaxe dos seus datos", sinala o tribunal.

Por outra banda os xuíces consideran "xustificada e proporcionada" a autorización á prórroga da esixencia de exhibir o certificado COVID-19 nos locais de lecer nocturno ao existir "unha tendencia epidemiolóxica de aumento de incidencia en todos os concellos de Galicia".

O TSXG estima tamén que a medida é necesaria porque "consegue manter o risco de contaxio contido, a pesar do seu carácter crecente" permitindo aos establecementos exercer a súa actividade.