O túnel do viño abre as súas portas ata o domingo con 114 marcas de Rías Baixas

O Salnés
01 de agosto 2013

Os catadores de viños deste ano levan gravado o logotipo do 25 aniversario da Denominación de Orixe Rías Baixas

A terceira edición do Túnel do Viño Rías Baixas abriu este xoves as súas portas no Salón de Congresos e Exposicións José Peña de Cambados, onde ata o próximo domingo 4 de agosto poderán degustarse un total de 114 marcas pertencentes a 60 adegas desta denominación de orixe.

O presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, Juan Gil de Araujo, presidiu a apertura do Túnel do Viño Rías Baixas e destacou que "se trata dunha oportunidade para catar diferentes tipos de viño Rías Baixas, nun ámbito que se axusta ás necesidades dunha sala de catas e coa posibilidade de contar co apoio e o asesoramento dun sumiller".

O custo da entrada é de 15 euros, prezo, que inclúe unha sesión de cata de dúas horas e o regalo dun catador de viños co logotipo conmemorativo do 25 aniversario da Denominación de Orixe Rías Baixas. Unhas entradas que poden adquirirse nos postos que o Consello Regulador ten no Paseo da Calzada de Cambados.

O Túnel do Viño Rías Baixas recibiu esta mañá a visita da conselleira do Medio Rural, Rosa Quintana, quen se interesou pola situación do sector vitivinícola galego.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora