O turismo de calidade consolídase en Galicia

Pontevedra
26 de xullo 2018

O turismo move 11 de cada 100 euros da economía galega e rexistra nos últimos anos un aumento constante no gasto por viaxeiro e tempo de pernoctación

Praia de Melide na Illa de Ons (Bueu)
Praia de Melide na Illa de Ons (Bueu) /

O turismo brinda cada vez máis oportunidades en Galicia. Move 11 de cada 100 euros da economía galega e xera 12 de cada 100 postos de traballo. Ademais, vive nos últimos anos unha das súas mellores épocas. A Galicia están a chegar máis viaxeiros, pero tamén están a mellorar outros parámetros que axudan a posicionar o turismo galego como un sector estratéxico.

Detrás das boas cifras de visitantes, atópanse catro anos consecutivos con incrementos na rendibilidade hoteleira, colocando o dato de 2017 no máis elevado desde o último Ano Santo. En termos absolutos, estímase que este sector rexistrou o ano pasado preto de 300 millóns de euros de ingreso total por habitación ocupada, unha cifra case un 10% superior á do ano anterior. Son máis de 25 millóns de euros de incremento en relación a 2016. E o turismo xera xa tamén máis emprego do que o facía hai un ano. As cifras sitúan o incremento de ocupados no sector turístico en case un 5% máis no último ano.

Así mesmo, os turistas están a quedar máis días na Comunidade galega e tamén a investir máis do que o facían hai un ano. Os viaxeiros nacionais que visitan Galicia gastan xa máis de media aquí que no resto de España e os turistas internacionais gastan case un 9% máis que o ano pasado. Unhas cifras que avalan a boa dirección do modelo turístico galego que pretende primar a calidade dos servizos e produtos, para unha maior satisfacción dos turistas.

Apartado especial supón o Camiño de Santiago. Un recente estudo realizado pola Universidade de Santiago de Compostela a iniciativa da Xunta de Galicia, como parte dos compromisos recollidos no Plan director do Camiño de Santiago, pon tamén de manifesto a positiva repercusión da ruta xacobea nos concellos do rural, onde é visto pola poboación local como un fenómeno positivo e tamén como unha oportunidade para o desenvolvemento.

Outro dato importante ten que ver co propio sector turístico. Entre 2009 e 2017 creáronse na Comunidade algo máis de 5.000 prazas de aloxamento, das que o 30% foron no Camiño Francés. Ademais, os peregrinos están especialmente interesados nos produtos locais e por iso cada euro que gastan xera ata un 18% máis de emprego, ao consumir fundamentalmente en bens e servizos máis intensivos en emprego, como os de comidas e bebidas, que supoñen o 61% do seu gasto fronte ao 26% no caso do turista convencional.

Cifras, todas elas, que só son posibles grazas á calidade que caracteriza os recursos galegos e tamén á aposta de Galicia por poñelos en valor e protexelos a través dunha actividade turística responsable e coordinada, como así o establece a Estratexia do turismo de Galicia 2020. Este xeito de traballar está a demostrar que, da man dunha diversificación da actividade turística por todo o territorio e ofrecendo propostas de interese durante todos os meses do ano, o turismo é quen de consolidarse como un dos motores da economía.