O turismo e o festival Sonrías Baixas leva ao Concello de Bueu a habilitar máis zonas de aparcamento

Bueu
26 de xullo 2024

Séguense facendo xestións para engadir máis espazos de estacionamento provisional e ultímase un plan especial de tráfico para os tres primeiros días de agosto

Concerto de La Pegatina no SonRías Baixas 2023
Concerto de La Pegatina no SonRías Baixas 2023 /

A afluencia de turistas, de bañistas aos areais do municipio e o próximo festival Sonrías Baixas urxiron ao Concello de Bueu a procura de máis espazos onde situar estacionamentos públicos durante a tempada estival.

Tras realizar xestións con propietarios para conseguir terreos onde acondicionar aparcamentos, as novas áreas son as seguintes: na zona de As Lagoas, fronte á piscina municipal e detrás do skate park; na rúa A Pedra, engádese outro espazo ao xa existente preto do IES Illa de Ons e no pavillón. Reforzarase a sinalización a fin de facilitar a súa localización para os usuarios.

Ademais, durante o festival Sonrías Baixas, entre o 1 e o 3 de agosto, estará aberto o aparcamento de As Lagoas. Desde o Concello están a acondicionarse os existentes en Pescadoira, na zona do Norte, os dous de Pazos Fontenla, o da rúa Castelao e os existentes na zona portuaria.

Para quen acuda con caravana está a traballarse tamén na adecuación da área de Achadiza, onde se dispón de servizo de baleirado de augas grises e billa de auga.  Doutra parte, xunto á Policía Local ultímase un plan de tráfico especial para eses días.

O Concello fai público un agradecemento ás persoas propietarias dos terreos pola súa colaboración e avanza que seguen realizando xestións para engadir máis espazos para o estacionamento de vehículos durante o verán.