O turismo na provincia bateu o récord esta Semana Santa superando os rexistros do 2019

Pontevedra
21 de abril 2022

O 80% de ocupación acadado supón vinte puntos máis do previsto para establecementos hoteleiros e doce puntos máis para vivendas turísticas. Os resultados foron nalgunhas localidades un 15% superiores á Semana Santa do 2019

Turistas en Pontevedra
Turistas en Pontevedra / Mónica Patxot

Esta Semana Santa a afluencia de visitantes e turistas volveu bater récords na provincia de Pontevedra, chegando a rexistrar unha ocupación media do 80% nos establecementos hoteleiros que mesmo superou os rexistros do 2019. 

O goberno provincial valora como "espectaculares" os datos que recolle o Observatorio de Turismo da Deputación de Pontevedra, e lembra que supoñen vinte puntos máis do previsto para establecementos hoteleiros e dez puntos máis para vivendas turísticas, chegando a ser, nalgunhas localidades, un 15% superiores á Semana Santa do 2019.

Nos establecementos de turismo rural a porcentaxe situouse en toda a provincia por riba do 70%, mantendo a cifra estimada antes dos festivos.

Pola súa banda, nas vivendas turísticas da provincia a ocupación foi tamén mellor do previsto, superando o 92% o que supón 12 puntos máis que o estimado antes da Semana Santa. Esta porcentaxe media provincial foi superada en localidades como Sanxenxo ou Cangas que chegou ao 100% entre o xoves e o domingo. Nestes establecementos aloxáronse principalmente persoas de Asturias, Castela e León e do Norte de Portugal.

PERFIL 

En canto ás persoas que visitaron o destino Pontevedra Provincia durante a Semana Santa do 2022 proviñan principalmente do Estado e en concreto de Madrid, Biscaia e Barcelona. En canto aos turistas estranxeiros procederon de Portugal, Alemaña, Francia, Colombia, Estados Unidos e Reino Unido. Todos eles tiñan maioritariamente entre 35 e 60 anos, aloxáronse en hoteis durante 4 e 6 días e acudían á provincia motivadas por aspectos relacionados coa cultura.