O Velolaser, á caza de acelerados a partir deste martes 13

Pontevedra
13 de abril 2021

A partir deste martes e ata o 20 de abril, axentes da Policía Local de Pontevedra porán en marcha unha campaña de control nas vías municipais empregando un radar para comprobar a velocidade dos vehículos que circulen por diferentes puntos da cidade, onde o límite está en 30 km/h.

Axentes da Policía Local durante o control de velocidade co Velolaser
Axentes da Policía Local durante o control de velocidade co Velolaser / Mónica Patxot

Desde este 13 de abril e ata o vindeiro martes 20 deste mes, axentes da Policía Local de Pontevedra levarán a cabo unha campaña de control nas vías municipais, para regular a velocidade do tráfico rodado.

O radar, de propiedade do Concello de Pontevedra, é un equipo Velolaser 1.0 que se instalará en diferentes puntos das rúas e avenidas do municipio. Esta ferramenta mide a velocidade de circulación e documenta por fotografía aqueles vehículos que superen o límite permitido. 

Segundo a Policía Local, este dispositivo está deseñado para medir en modo estático, a través dun operador como un trípode, soporte ou coche; ou situado nunha cabina dun vehículo. A cámara é dixital de 5 megapíxeles, con sensor láser, CPU e batería. O aparello é manexado a través dunha tablet que se conecta mediante wifi a unha aplicación de control remoto.

Unha segunda patrulla, uns metros máis alonxada do punto de control, encárgase de aprar e notificar a infracción a aquelas persoas que foran detectadas conducindo a maior velocidade da autorizada.

Esta ferramenta permite a autonomía da Policía Local de Pontevedra para realizar estas campañas, xa que antes da adquisición realizábanse os controis a través dun equipo cedido pola Dirección Xeral de Tráfico.

As vías urbanas de Pontevedra contan cun límite máximo de velocidade que se sitúa en 30 km/ h. Durante este martes, o dispositivo iniciou os controis na avenida de Bos Aires.