José Miñones, delegado do Goberno en Galicia avanzou que a segunda mesa de diálogo sobre o futuro de Ence será o venres 10 de setembro. Indicou que o Goberno central cumpre así o compromiso mantido co persoal da fábrica pasteira de Lourizán.
O representante do goberno de Pedro Sánchez espera que a Xunta de Galicia e a dirección da empresa acudan a este novo encontro cos informes sobre alternativas para o futuro da factoría que comprometeron na primeira reunión e que "aínda non deron a coñecer". Miñones considera fundamental que as partes avancen nos seus compromisos para garantir o emprego e a actividade industrial.
O delegado insistiu en que o Executivo respecta as decisións xudiciais en relación á anulación da prórroga da concesión para permanecer en chan público marítimo-terrestre e espera que se produzan avances para manter os postos de traballo no encontro que convoca o Ministerio para a Transición Ecolóxica, que lidera a ministra Teresa Ribera.
Miñones non fixo referencia ao lugar en que se celebraría este encontro, a pesar de que os representantes sindicais demandaron publicamente que esta reunión se desenvolvese en Pontevedra.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.