O río Verdugo ten 3.000 novos habitantes. O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, e o presidente da Sociedade de Caza e Pesca Verdeseixo, José Ramón Blanco, acompañados por técnicos da Consellería de Medio da Xunta de Galicia procederon este mércores a soltar uns 3.000 crías de troita.
Segundo informou o Concello, a experiencia repetirase proximamente con escolares de Ponte Caldelas co fin de fomentar a concienciación ecolóxica previa á celebración da Festa da Troita, que terá lugar os días 30 e 31 de maio.
En total, repoboarase o Verdugo con 4.000 troitas. As deste mércores soltáronse no curso alto do río Verdugo, xunto á praia fluvial. O resto serán liberados no curso baixo do río, a partir da praia fluvial e na zona dedicada á pesca sen morte, onde concursan nenos e veteranos pescadores que teñen a obriga de devolver ao río as súas capturas.
Perfecto Rodríguez quere que esta iniciativa repoboadora se leve a cabo en colaboración cos centros educativos dentro da vocación de sostibilidade e defensa dos valores ambientais que dende o Concello de Ponte Caldelas se lle dá, dende hai anos, á Festa da Troita.