O viario de praias pasará a ser dunha soa dirección e contará con lonas informativas

Marín
29 de maio 2020

As mensaxes que se lerán nas lonas apelan ao sentidiño da cidadanía no goce dos areais do municipio

O vial de praias xa está habilitado para un único sentido
O vial de praias xa está habilitado para un único sentido / Concello de Marín

O Concello de Marín informou de que o viario de praias xa está habilitado para un único sentido, prohibindo a dobre dirección naqueles puntos onde o tránsito rodado permitía movementos de ida e volta.

Ademais, todo o viario que da acceso tanto en coche como de xeito peonil ás praias servirá como escaparate dunha campaña de concienciación do Concello sobre aquelas medidas de prevención, hixiene e seguridade sanitaria que é preciso manter nestes momentos nos areais. 

As mensaxes que se poderán ler nas lonas que xa están a ser colocadas apelan ao "sentidiño" e ao respecto da distancia dos dous metros, así como do uso da máscara cando non sexa posible respectar a distancia e á hixiene constante de mans. 

MÁIS PREVENCIÓN NO CENTRO URBANO

Baixo o lema "Remamos xuntos", o Concello tamén está procedendo á colocación de lonas adhesivas en diversos espazos do espazo urbano, como no panel ubicado fronte á biblioteca municipal. 

Nesas lonas pódense ler as mensaxes máis relevantes relativas á prevención e á redución do risco de contaxios pola COVID-19.