O Vidal Portela, recoñecido co Selo de Escolas eTwinning pola educación innovadora e a colaboración internacional

Pontevedra
28 de maio 2024

O eTwinning é unha plataforma integrada no Erasmus+, o programa da UE que apoia a educación, a formación, a mocidade e o deporte. Tan só catro centros galegos lograron este selo este ano. "É unha gran honra para o noso centro e reflicte o esforzo e dedicación dos nosos docentes e estudantes na promoción dunha educación aberta e colaborativa"

Actividade dentro da plataforma eTwinning no CEIP Vidal Portela
Actividade dentro da plataforma eTwinning no CEIP Vidal Portela /

O CEIP Manuel Vidal Portela de Pontevedra logrou neste curso académico o selo que o certifica como Escola eTwinning, un distintivo que recoñece e valora a participación, o compromiso e a dedicación de todo o centro a este programa da Unión Europea.

O eTwinning é unha plataforma integrada no Erasmus+, o programa da Unión Europea que apoia a educación, a formación, a mocidade e o deporte. Ten como obxectivos principais fomentar e facilitar a comunicación, xerar intercambio de ideas e promover a colaboración entre docentes e estudantes de diferentes países participantes, todo iso empregando as Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC).

Desde o Vidal Portela destacan que tan só catro centros galegos lograron este Selo este ano, de tal maneira que forman parte dun "selecto grupo" de centros escolares aos que se recoñece o compromiso coa educación innovadora e a colaboración internacional.

Mela Rodríguez, embaixadora eTwinning en Galicia e unha das mestras de Inglés do centro, valora que recibir o selo de Escola eTwinning "é unha gran honra para o noso centro e reflicte o esforzo e dedicación dos nosos docentes e estudantes na promoción dunha educación aberta e colaborativa".

Durante este curso 2023-2024, o CEIP Manuel Vidal Portela participa activamente no proxecto 'Arcimboldo Healthy Art', unha iniciativa que reune escolas de Alemaña, Grecia, Eslovaquia e tres centros educativos españois.

O proxecto céntrase na difusión da cultura autóctona e as tradicións locais, fomentando o intercambio cultural e a aprendizaxe colaborativa entre estudantes de diferentes países.

Este martes, participaron nunha videoconferencia cunha escola de Mégara, Grecia, na que tiveron a oportunidade de ensinar a tradición dos Maios aos seus compañeiros gregos cun taller no que crearon flores dos Maios mediante material de refugallo.